A estrutura organizativa do Tribunal Constitucional presenta un carácter dual, e poden distinguirse entre unha estrutura organizativa no exercicio da función xurisdicional e unha estrutura organizativa no exercicio das funcións de goberno e administración.
A estrutura organizativa xurisdicional intégrana os órganos nos que actúa o Tribunal no exercicio da súa función xurisdicional a través dos diversos procesos constitucionais: o Pleno, as salas e as seccións. Ademais destes órganos, tamén poden incluírse nesa estrutura os que poden denominarse órganos de apoio ao Tribunal no exercicio da súa función xurisdicional por ter encomendado, entre outros, o desempeño de labores ao servizo desta. Condición esta que cabe predicar da secretaría xeral, as secretarías de Xustiza, o Rexistro Xeral e o Arquivo Xeral.
A estrutura organizativa gobernativa está integrada polos órganos do Tribunal que teñen encomendadas funcións de goberno e administración: o Pleno, o presidente; a vicepresidenta; a Xunta de Goberno; o secretario xeral e, no seu caso, por delegación deste, o secretario xeral adxunto. Tamén forman parte da estrutura administrativa os distintos servizos e unidades, que dependen da secretaría xeral.