Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal

Secretaria Xeral

Descargar PDF
Imprimir
 

Forman parte da Secretaría Xeral o secretario xeral, a quen, no ámbito das súas competencias, lle corresponden funcións de goberno e administración do Tribunal, e o secretario xeral adxunto, a quen, ademais de substituír o secretario xeral, lle corresponde o exercicio das funcións de goberno e administración que, no seu caso, poida delegarlle o secretario xeral.

Da Secretaría Xeral dependen os servizos e unidades que integran a administración do Tribunal Constitucional.

Secretario Xeral

O Tribunal Constitucional ten un secretario xeral, elixido polo Pleno do Tribunal e nomeado polo presidente entre os letrados ao seu servizo que conten, polo menos, con tres anos de antigüidade como tales. O nomeamento farase por tres anos.

Correspóndelle ao secretario xeral, baixo a autoridade e instrucións do presidente, entre outras funcións:

  • a) Exercer como letrado maior a xefatura dos letrados do Tribunal, sen prexuízo das facultades que lle corresponden ao presidente, ao vicepresidente, ao Pleno e ás salas;
  • b) O apoio ao presidente para a programación xurisdicional de acordo coas directrices que, no seu caso, poida establecer o Pleno, e a distribución, coordinación superior e ordenación xeral, no marco da dita programación, do traballo dos letrados sobre asuntos xurisdicionais ou calquera outros de carácter xurídico-constitucional, sen prexuízo do que lles corresponde aos maxistrados relatores e da dependencia funcional dos letrados colaboradores do maxistrado ao que se atopen adscritos;
  • c) A recompilación, clasificación e publicación da doutrina constitucional do Tribunal.

Secretario Xeral Adxunto

O Pleno do Tribunal pode elixir entre os letrados un secretario xeral adxunto a quen lle corresponde, entre outros labores:

  • a) A substitución do secretario xeral en casos de vacante, ausencia ou enfermidade;
  • b) A distribución, coordinación e ordenación xeral do traballo dos letrados no trámite de admisión dos asuntos de novo ingreso, por delegación do secretario xeral e de acordo co presidente e co Pleno, sen prexuízo do que lles corresponde aos maxistrados relatores;
  • c) Calquera outras funcións de apoio ou informe que se lle asignen polo presidente, o secretario xeral e, no seu caso, por decisión do Pleno.

Letrados

O Tribunal Constitucional está asistido por letrados. Os letrados que integran o corpo de letrados do Tribunal Constitucional son seleccionados mediante concurso-oposición entre funcionarios públicos que accedesen a un corpo ou escala do grupo A na súa condición de licenciados en Dereito. O Tribunal tamén pode designar letrados de adscrición temporal que haberán de contar con algunhas das seguintes condicións profesionais:

  • a) Profesores de universidade de disciplinas xurídicas que desempeñasen, durante polo menos cinco anos, funcións docentes ou de investigación, que obtivesen polo menos a acreditación necesaria para poder adquirir a condición de profesor contratado, doutor ou figura equivalente nas universidades públicas ou privadas;
  • b) Membros das carreiras xudicial e fiscal, con polo menos, cinco anos de exercicio profesional;
  • c) Funcionarios públicos que accedesen a un corpo ou escala do grupo A na súa condición de licenciados en Dereito con, polo menos, cinco anos de exercicio profesional;
  • d) Avogados, con polo menos, dez anos de exercicio profesional.

A designación de letrados de adscrición temporal correspóndelle ao Pleno, a proposta de tres maxistrados, por maioría absoluta. A adscrición ten unha duración de tres anos e pode ser renovada antes do seu vencemento ata por outros dous períodos iguais.

Cada maxistrado pode propoñerlle ao Pleno a designación, como colaboradores propios, de ata un máximo de dous letrados entre os que presten servizo ao Tribunal Constitucional, que se rexen pola normativa xeral aplicable aos letrados sen máis singularidades que a súa dependencia funcional do maxistrado respectivo.

Os letrados desempeñan as funcións de estudo, informe ou asesoramento que se lles encomenden nas materias das que coñece o Tribunal. Correspóndelle ao presidente asignar tarefas determinadas, cando así proceda, a calquera letrado do Tribunal. Nos demais casos, a distribución ordinaria do traballo entre os letrados levarase a cabo a través da Secretaría Xeral.

© 2016 TRIBUNAL CONSTITUCIONAL DE ESPAÑA