Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal

O recurso previo de inconstitucionalidade contra proxectos e propostas de reforma de Estatutos de Autonomía

Descargar PDF
Imprimir
 

 

Este recurso previo de inconstitucionalidade ten por obxecto o texto definitivo dos proxectos ou das propostas de reforma dos estatutos de autonomía, unha vez aprobado polas Cortes Xerais.

Están lexitimados para a súa interposición, de acordo coa Constitución e a Lei orgánica do Tribunal Constitucional, os mesmos que para interpoñer recurso de inconstitucionalidade contra os estatutos de autonomía.

O prazo para a interposición do recurso é de tres días desde a publicación do texto aprobado no Boletín Oficial das Cortes Xerais, e queda en suspenso coa súa interposición todos os trámites subseguintes (sanción e promulgación), incluída a convocatoria de referendo cando o proxecto ou a proposta de reforma do Estatuto de autonomía tivese que ser sometida a referendo.

O recurso substánciase na forma prevista para o recurso de inconstitucionalidade (Capítulo II do Título II LOTC) e debe ser resolto polo Tribunal no improrrogable prazo de seis meses desde a súa interposición.

Se o Tribunal declara a inexistencia da inconstitucionalidade alegada, seguirán o seu curso os trámites conducentes á entrada en vigor do proxecto ou proposta de reforma do Estatuto de autonomía, incluído, no seu caso, o correspondente á convocatoria e celebración do referendo.

Se o Tribunal declara a inconstitucionalidade do texto impugnado, debe concretar os preceptos aos que alcanza, aqueloutros que por conexión ou consecuencia resulten afectados pola declaración de inconstitucionalidade, así como o precepto ou os preceptos constitucionais infrinxidos. E non poderá proseguir a tramitación do proxecto ou proposta de reforma do Estatuto de autonomía sen que os preceptos declarados inconstitucionais fosen suprimidos ou modificados polas Cortes Xerais.

O pronunciamento no recurso previo non prexulga a decisión do Tribunal nos recursos ou cuestións de inconstitucionalidade que puidesen interpoñerse tras a entrada en vigor do proxecto ou da proposta de reforma do Estatuto de autonomía.

© 2016 TRIBUNAL CONSTITUCIONAL DE ESPAÑA