O Tribunal Constitucional ten un secretario xeral, elixido polo Pleno e nomeado polo presidente entre os letrados ao seu servizo que conten, polo menos, con tres anos de antigüidade como tales. O nomeamento farase por tres anos.
Ao secretario xeral correspóndenlle, entre outras, as seguintes funcións de goberno e administración:
- a) Asistir, cando así o dispoña o presidente, con voz e sen voto ás sesións do Pleno Gobernativo, desempeñando a función de secretario;
- b) Custodiar as actas do Pleno Gobernativo e estender as certificacións correspondentes;
- c) As funcións de órgano de contratación que lle delegue o presidente;
- d) Asistir como secretario ás reunións da Xunta de Goberno con voz e sen voto;
- e) A dirección e coordinación dos servizos do Tribunal, sen prexuízo da responsabilidade directa de quen ten a xefatura de cada servizo e unidade;
- f) A xefatura superior e o réxime disciplinario do persoal ao servizo do Tribunal, exercendo as competencias non atribuídas ao Pleno ou ao presidente;
- g) Propoñer as bases dos concursos e das convocatorias de postos de libre designación para a incorporación de persoal, funcionario ou laboral, ao servizo do Tribunal;
- h) Resolver sobre as peticións de autorización para o exercicio de funcións docentes ou de investigación, cando estas non se houbesen de prolongar durante máis de dez días;
- i) A administración dos créditos para gastos do orzamento do Tribunal;
- j) A autorización do gasto;
- k) A ordenación dos pagos;
- 1) A recompilación, clasificación e publicación da doutrina constitucional do Tribunal.