Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal
DESACTIVAR CARROUSELES

Historia do Tribunal

Descargar PDF
Imprimir
 

 

Antecedentes históricos

Foi na I República española (1873) cando se discutiu un proxecto de Constitución federal que prevía por primeira vez un control de constitucionalidade das leis, de forma previa, polo Senado, e de forma sucesiva, polo Tribunal Supremo (que coñecía de forma incidental e con efectos inter partes) e que non chegou a ver a luz (este proxecto prevía a creación dun Tribunal Supremo ao estilo americano, que non só dirimiría os conflitos entre a federación e os estados, senón que tamén tiña facultade para suspender os efectos das leis contrarias á Constitución).

Nos últimos días da Ditadura de Primo de Rivera (1929) preparouse un anteproxecto de constitución que recollía un “recurso de inconstitucionalidade das leis” atribuído ao Consello do Reino que tampouco chegou a aprobarse. Con todo, tras a caída deste réxime, na II República (1931), presentouse outro “anteproxecto” de constitución no que se incluía un control concentrado das leis atribuído a un “Tribunal de Xustiza Constitucional”, ben a instancia dos órganos xudiciais (control concreto), ben mediante a impugnación directa polos suxeitos habilitados (control abstracto). Este tribunal, á parte do control de validez das leis asumía a protección dos dereitos fundamentais (“xuízo de amparo”), os conflitos entre o Estado e as rexións autónomas, a responsabilidade criminal dos altos cargos do Estado e a validez das actas de deputados e senadores. O posterior “proxecto” de Constitución de 1931, con todo, denominaría a este órgano “Tribunal de Garantías Constitucionais”, quitándolle a competencia para controlar a validez das actas de deputados e senadores, e converténdoo nun simple órgano consultivo (non vinculante) sobre a constitucionalidade das leis. Sería a Constitución do 9 de decembro de 1931 (desenvolvida pola Lei orgánica do 14 de xuño de 1933) a que creou o “Tribunal de Garantías Constitucionais” e atribuíulle, seguindo o modelo austríaco, o control da constitucionalidade das leis (a través do recurso de inconstitucionalidade que podían interpoñer incluso os cidadáns nunha sorte de acción popular en defensa da Constitución, e da consulta sobre constitucionalidade das leis polos tribunais de Xustiza), o recurso de amparo en materia de garantías individuais, a resolución de conflitos entre a República e as rexións autónomas, o exame e aprobación dos poderes dos compromisarios que xuntamente coas Cortes elixen o presidente da República, así como o control da responsabilidade criminal do xefe do Estado, do presidente do Consello e dos Ministros, do presidente e os maxistrados do Tribunal Supremo, e do fiscal da República.

O seu funcionamento foi breve, pois co alzamento de xullo de 1936 (comezo da Guerra Civil española) os seus membros dimitiron (o día 20 de agosto), e aceptáronse polo Goberno algunhas dimisións. A partir de aí funcionou interinamente ata que en 1939 foi trasladado a Barcelona onde concluíu os seus días.

Foi o Título IX da Constitución española do 27 de decembro de 1978 o que creou un “Tribunal Constitucional”, cuxa posta en funcionamento se fixo pola Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, e que funciona como o garante último tanto dos dereitos fundamentais e liberdades públicas, como da supremacía da Constitución.

Historia por años



Su navegador tiene desactivado javascript o no soporta 'Canvas'



Pulse aquí para ver la página en un formato accesible.