Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal

Os membros do Tribunal Constitucional han de ser nomeados entre cidadáns españois que sexan maxistrados, fiscais, profesores de universidade, funcionarios públicos ou avogados, todos eles xuristas de recoñecida competencia con máis de quince anos de exercicio profesional ou en activo na respectiva función.

A designación como maxistrado do Tribunal Constitucional éo por un período de nove anos, e o Tribunal renovarase por terceiras partes cada tres anos. Ningún maxistrado pode ser proposto para outro período inmediato, salvo que ocupase o cargo por un prazo non superior a tres anos.

O cargo de maxistrado do Tribunal Constitucional é incompatible cos de Defensor do Pobo; deputado e senador; con calquera cargo político ou administrativo do Estado, as comunidades autónomas, as provincias ou outras entidades locais; co exercicio de calquera xurisdición ou actividade propia da carreira xudicial ou fiscal; con empregos de todas clases nos tribunais e xulgados de calquera orde xurisdicional; co desempeño de funcións directivas nos partidos políticos, sindicatos, asociacións, fundacións e colexios profesionais e con toda clase de emprego ao servizo destes; e co desempeño de actividades profesionais ou mercantís. No demais, os membros do Tribunal Constitucional terán as incompatibilidades propias dos membros do Poder Xudicial.

Os maxistrados do Tribunal Constitucional cesan por renuncia aceptada polo presidente do Tribunal, por expiración do prazo do seu nomeamento, por incorrer nalgunha causa de incapacidade das previstas para os membros do Poder Xudicial, por incompatibilidade sobrevida, por deixar de atender con dilixencia os deberes do seu cargo, por violar a reserva propia da súa función ou por ser declarado responsable civilmente por dolo ou condenado por delito doloso ou por culpa grave.

Os maxistrados do Tribunal Constitucional exercen a súa función de acordo cos principios de imparcialidade e dignidade inherentes a esta; non poden ser perseguidos polas opinións expresadas no exercicio das súas funcións; son inamovibles e non poden ser destituídos nin suspendidos senón por algunha das causas citadas anteriormente.

© 2016 TRIBUNAL CONSTITUCIONAL DE ESPAÑA